Galicia Destino Sostible

Camiño Portugués pola Costa, sostible. De Baiona a Santiago de Compostela

Preservar a natureza, o ecosistema mariño e coñecer as comunidades locais da costa son os obxectivos principais destes paquetes turísticos. Poderemos visitar e coñecer dunha forma diferente os destinos verdes —as reservas naturais que se atopan ao longo do percorrido—; coñeceremos o maior porto de Galicia cunha visita guiada; camiñaremos pola famosa Pontevedra, referente en urbanismo, e crearemos lazos coas comunidades locais das zonas.
Aloxamentos:
– Parador de Baiona, en Baiona.
– Hotel Ciudad de Vigo, en Vigo.
– Hotel Antolín, en Cesantes.
– Parador de Pontevedra, en Pontevedra.
– Hotel Pousada Real, en Caldas de Reis.
– Hotel Rosalía, en Padrón.
– Hotel Herradura, en Santiago de Compostela.

DÍA 01 ALOXAMENTO NO PARADOR DE BAIONA
Chegarás por conta propia a Baiona, seleccionado como segundo mellor destino sostible a nivel mundial por Green Destinations. Foi o primeiro porto de Europa que recibiu a nova do Descubrimento de América, que se conmemora co monumento do Encontro dos Dous Mundos. Ademais de pasear polas súas ruelas, poderás visitar o castelo de Monterreal, hoxe convertido no Parador Nacional de Turismo de Baiona, que será o teu aloxamento para esta noite. Alí mesmo, visitarás a réplica da carabela Pinta, que alberga reproducións de tesouros da época. Poderás percorrer a súa extensa praia e subir ata a Virxe da Rocha para sorprenderte coas vistas de vertixe que hai dende alí. Na zona vella de Baiona descubrirás pintorescas rúas e diversos edificios relixiosos.

Antes de empezar a túa viaxe, lembrámosche que podes ver o noso decálogo de turismo sostible na seguinte ligazón: https://www.caminoclean.com/decalogo/.

DÍA 02 ETAPA BAIONA – VIGO → 23 KM / 5-6 H. ALOXAMENTO NO HOTEL CIUDAD DE VIGO
En Baiona dá comezo a ría de Vigo, que está protexida polas Illas Cíes. Estas son o corazón do Parque Nacional das Illas Atlánticas e destacan pola súa biodiversidade mariña. Camiñarás dende este marabilloso lugar e cruzarás dúas pontes románicas: unha, sobre o río Groba, e a outra, na Ramallosa. Nesta última localidade empeza a foz do río Miñor, unha marisma de gran riqueza ecolóxica; as súas 93 hectáreas forman parte da Rede Natura 2000. Poderás asombrarte deste monumento da natureza cruzando a pé pola praia que a rodea. En Nigrán atoparás o Templo Votivo do Mar e numerosas e extensas praias, de area branca, recollidas na ría de Vigo. Xa chegando a Vigo, a Cidade Olívica, recomendámosche visitar o Museo do Mar para descubrires a realidade da vida mariñeira nas Rías Baixas e descubrir a orixe romana destas terras.

Esta tarde podes consultarnos para visitar o porto de Vigo e descubrir o seu funcionamento de primeira man. Non deixes de pasear pola zona vella de Bouzas, que é outro exemplo vivo da tradición mariñeira da Cidade Olívica.

DÍA 03 ETAPA VIGO – CESANTES → 18 KM / 4-5 H. ALOXAMENTO NO HOTEL ANTOLÍN
O paseo fluvial do río Lagares ha levarte ata As Travesas. Alcanzarás o castelo de San Sebastián e descenderás ata o barrio do Berbés, situado moi preto da Pedra, zona coñecida polos seus restaurantes e pola degustación de ostras da ría, un produto de Km 0 moi coñecido na zona e que ten a súa propia Festa de Interese Turístico. Abandonarás Vigo polo barrio de Teis e continuarás o teu camiño ata alcanzar Redondela, lugar onde se une o Camiño Portugués da Costa co Camiño Portugués polo Interior. En Redondela chaman a atención as liñas do ferrocarril, construídas na década de 1870-1880. Na súa gastronomía destaca o choco, un alimento tradicional entre a xente da vila. Tras atravesar o seu centro histórico, ascenderás ata Cesantes. Vaste atopar en pleno nacemento da ría de Vigo e coas preciosas illas de San Simón e San Antón, que se encontran cheas de historias e de pasados gloriosos.

DÍA 04 ETAPA CESANTES – PONTEVEDRA → 16 KM / 3-4 H. ALOXAMENTO NO PARADOR DE PONTEVEDRA
Dende Cesantes descenderás ata Arcade. Cruzarás a histórica ponte medieval de Ponte Sampaio sobre o río Verdugo, que foi parcialmente destruído en 1809 para protexer os habitantes da invasión napoleónica. Percorrerás esta preciosa vila mariñeira por antigos camiños empedrados que correspondían a unha antiga vía romana. Ascenderás ata Vilaboa, deixando atrás a capela de Santa Marta. Paso a paso, alcanzarás Pontevedra, cidade referente en mobilidade sostible a nivel mundial.

DÍA 05 ETAPA PONTEVEDRA – CALDAS DE REIS → 21 KM / 4-5 H. ALOXAMENTO EN POUSADA REAL
Tras selar a túa credencial no santuario da Virxe da Peregrina pasearás polo centro histórico de Pontevedra, un dos mellor conservados de Europa e referente en mobilidade, ata alcanzar a ponte do Burgo sobre o río Lérez. É unha ponte romana que se pode cruzar andando e que hoxe en día está modernizada. Constitúe o sinal de identidade da cidade de Pontevedra. Tras cruzala bordearás a extensa marisma da Xunqueira de Alba e, paso a paso, entrarás nunha fermosa paisaxe formada polos bosques de Reirís e o Lombo da Maceira. Cando chegues a Barro, hache pagar a pena desviarte uns cinco quilómetros para coñecer a fervenza do río Barosa, unha reserva natural onde, sen dúbida, te impresionará ver como o río cae abruptamente nunha piscina natural. Entre lerias e agros, chegarás a Caldas de Reis.

DÍA 06 ETAPA CALDAS DE REIS – PADRÓN → 17 KM / 4-5 H. ALOXAMENTO EN HOTEL ROSALÍA
Así que abandones o núcleo urbano de Caldas de Reis, entrarás decontado nun vello e fermoso carreiro de orixe romana que te levará ata a igrexa de Santa María de Carracedo. Paso a paso, alcanzarás o municipio de Valga. Atravesarás o monte Castelo, de mestos bosques salpicados polas augas do río Valga e antigos muíños, tan característicos da zona. Cruzarás a ponte sobre o río Fontenlo. Deseguido, entrarás en Pontecesures, onde cruzarás a ponte sobre o río Ulla; esta marca a etapa final do percorrido feito pola barca na que chegaron os restos do apóstolo Santiago. Este río é unha das reservas de biodiversidade marítimo-fluviais que alimenta a gran ría de Arousa e que separa as provincias de Pontevedra e A Coruña. Xa na outra banda da ponte, agárdate Padrón, onde se atopa o «Pedrón», unha gran pedra onde foi amarrada a barca cos restos de Santiago o Maior. É unha localidade bañada polo río Sar e terra de ilustres escritores galegos, como Camilo José Cela ou Rosalía de Castro.

DÍA 07 ETAPA PADRÓN – SANTIAGO DE COMPOSTELA → 26 KM / 5-6 H. ALOXAMENTO EN HOTEL HERRADURA
Ao pouco de abandonares Padrón, pasarás por diante do santuario da Escravitude. Percorrerás O Faramello e alcanzarás Teo. Paso a paso, chegarás ao alto do Milladoiro, onde os peregrinos se axeonllaban ao veren por primeira vez a catedral de Santiago. Sen apenas te decatares, estarás xa na rúa Rosalía de Castro, á altura da praza de Vigo, e, despois duns pasiños máis, entrarás no centro histórico de Santiago pola Porta Faxeira. Continuarás pola rúa do Franco e, pouco despois, chegarás á praza do Obradoiro, inda que a entrada tradicional dos peregrinos do Camiño Portugués se efectúa pola praza de Praterías.

Tras a túa chegada triunfal á catedral de Santiago, e despois de tirar unhas preciosas fotografías, convidámoste a que descubras Creativas Galegas, un lugar onde a artesanía galega se amosa ao mundo.

DÍA 08 TRAS O ALMORZO, SAÍDA E FIN DOS NOSOS SERVIZOS

640 € en cuarto dobre | 915 € en cuarto individual | 570 € en cuarto triplo. O prezo inclúe: 6 noites de aloxamento (cuarto con baño privado) en hoteis e pensións con encanto | 6 almorzos | Traslado de equipaxe durante as etapas (1 vulto – máx. 20 kg) | Documentación completa e Caderno de viaxe | Credencial do peregrino | Asistencia telefónica para emerxencias 24 horas | Seguro de viaxe (básico) | IVE | O prezo non inclúe: visitas guiadas. Consultar prezo | Calquera outro servizo non recollido no apartado «O prezo inclúe».

Podes reservar a través do noso correo electrónico, reservas@tee-travel.com, ou chamando ao +34 986 565 026.

Que fai que unha experiencia sexa sostible?

Dende 750 €
1 Persoas Min.
Condicións de reserva

750 € en habitación doble | 1.010 € en habitación individual | 615 € en habitación triple. El precio incluye: 6 noches de alojamiento (habitación con baño privado) en hoteles y pensiones con encanto | 6 desayunos | Traslado de equipaje durante las etapas (1 bulto – máx. 20 kg) | Documentación completa y Cuaderno de viaje | Credencial del Peregrino | Asistencia telefónica para emergencias 24 horas | Seguro de viaje (básico) | IVA | El precio no incluye: Visitas guiadas: consultar precio | Cualquier otro servicio no reflejado en el apartado "El precio incluye"

Reserva:

Puedes reservar a través de nuestro correo electrónico: reservas@tee-travel.com o llamando al +34 986 565 026. También puedes adquirir este programa en tu agencia minorista habitual