O MIÑO, O RÍO DO HUMANO E O DIVINO
10.30 FINCA MÍLLARA
-Chegada a Finca Míllara, onde seredes recibidos polo enólogo, que vos guiará polas viñas para explicarvos a orixe e o proceso de elaboración dos viños. A fin de obter a mellor calidade de uva, a terra dos viñedos —210.000 m2— trabállase como o facían os nosos devanceiros, de maneira artesanal, con arado e sen herbicidas.
-Degustación comentada sobre os viños de maior singularidade e edición limitada no espazo gastronómico da adega: unha construción de orixe medieval semienterrada, integrada coas viñas e con espectaculares vistas.
VISTAS VIÑEDOS-LUGAR FINCA MÍLLARA
Sobre as 12.00.
-Baixada a pé ou en coche ata o embarcadoiro privado de Finca Míllara, onde vos estará agardando unha barca pneumática de Quinta Sacra.
-Inicio da ruta fluvial entre viñedos, bosques e igrexas románicas: Santo Estevo de Chouzán, Santo Estevo de Atán, Santo Xoán da Cova, San Martiño da Cova e Santa María de Nogueira (a nosa Capela Sixtina), que visitaremos máis tarde.
-Dentro da ruta náutica ofrecemos visitar a espectacular fervenza de Augacaída (Marce, Ferreira de Pantón), que se agocha nun bosque de sobreiras, castiñeiros e carballos abrazados por un excepcional manto de fentos. A impresionante freixa coa súa lingua de auga de corenta metros cae entre penedos primitivos e sobre unha poza natural, onde é posible tomar un baño.
-Navegaremos cara ao castro de Marce e os seus «xacias». Un espazo rodeado de misterio e lendas. Segundo as tradicións locais, o elevado promontorio do Miño foi morada dos míticos homes acuáticos.
-Visitaremos os recunchos do Penedo do Garabullo, do Pez e a illa de Sernande.
-E chegaremos ao Camiño de Inverno (Belesar localidade-Chantada) pasando sobre a ponte romana que quedou asolagada polo encoro dos Peares, igual que os restos da antiga igrexa. Á nova, levantada na ribeira dereita do río, trasladouse un histórico retablo realizado en 1744.
-Contra as 13.30, desembarco en Porto Sacro.
-Xantar en A Taranxela, a adega de Quinta Sacra ao pé do río. Ofrecemos produtos tradicionais e caseiros (todo artesanal e «gourmet»): empanadas, tortilla, embutidos, ensaladas… Mais tamén servimos pratos especiais a gusto e petición do cliente: polbo, arroz, churrasco, carne asada, cordeiro, pito caseiro.
O menú de sobremesas inclúe as lambetadas da zona: torta de améndoa ou de noz, de queixo, de mazá.
Tamén servimos queixo do país: o «Da Josefa», unha viaxe ao pasado, e os de Airas Moniz, incluíndo o seu queixo azul, Savel, que recibiu o premio como o mellor de España 2020-2021 e que se elabora en Chantada.
-En lembranza á tradición druída ou medieval, faremos unha queimada «con conxuro». É un ritual de purificación que nos conecta co Spiritus Mundi e unha Galicia mística e ancestral.
-Despois, poderedes optar por unha sesta ou por darvos un baño dende o noso pantalán (a auga está quente case sempre, aínda que ninguén o cre ata que a proba).
A Taranxela, un pequeno paraíso ao pé do Miño.
– Sobre as 16.00 visita a Santa María de Nogueira. A igrexa, de base románica, data da segunda metade do século XII, pero con posibles orixes anteriores. Dunha soa nave, con arco triunfal e cabeceira cuadrangular, está situada no cume do lendario meandro O Cabo do Mundo.
No seu interior destacan, ademais dos retablos barrocos, as impresionantes pinturas renacentistas realizadas ao fresco sobre un morteiro de cal e area. Foron restauradas recentemente e valéronlle o sobrenome de «Capela Sixtina galega».
*Este día na Ribeira Sacra do Miño tamén pode arrincar coa visita a Santa María de Nogueira, rematando despois en Finca Míllara.
Pódense mover un pouco os horarios para empezarmos ás 10.00. Pola nosa experiencia, sabemos que á maioría das persoas, despois do xantar, a queimada, o baño, a sesta… dálles preguiza moverse.
Outra alternativa sería integrar, dende a mesma ruta náutica, a visita a Santo Estevo de Chouzán, a 10 minutos andando, ou a Santo Estevo de Atán, a 20 minutos camiñando dende o río.
*Prezos dende 20 € por persoa dependendo do número de persoas e a modalidade seleccionada. Paseo en barca de dúas horas (ata oito persoas): 250 €. Xantar en adega: 50 € por persoa.