Galicia Destino Sostible

𝐃𝐞 𝐫𝐨𝐦𝐚́𝐧𝐢𝐜𝐨 e 𝐜𝐚𝐧𝐭𝐢𝐧𝐚𝐬 na c𝐨𝐦𝐚𝐫𝐜𝐚 𝐝𝐞 𝐒𝐚𝐫𝐫𝐢𝐚

Unha fin de semana no país das augas e dos bosques
Pregunteille a un amigo de Sarria polo románico desa comarca e emprestoume un vello folleto do Xacobeo dos anos noventa titulado El románico desde Sarria.
Onte á noite partimos de Vilalba e quedamos a «finde» no Hotel Alfonso IX tras darmos boa conta do afamado cocido de porco celta.

Esta mañá madrugamos cos rapaces, e a miña muller, como conduce bastante mellor ca min e non lle gusta o viño, púxose ao volante. Collemos a estrada de Portomarín e, aos dous quilómetros, viramos cara ao sur ata chegar á igrexa de Barbadelo. Barbadelo son palabras maiores, por algo é Monumento Nacional dende os oitenta. Continuamos ata topar con Mercado da Serra, onde en tres casas hai tres cantinas. Se cadra é este lugar ao que se refire o Códice Calixtino cando indica que ás feiras de Barbadelo acudían hostaleiros composteláns, xudeus, cambiadores e mesmo meretrices. Nunha destas tabernas do Camiño —onde Arantxa nos puxo o segundo café do día— estaban en plena matanza. Continuamos cara ao sur ata chegar á igrexa de Santo André de Paradela, que resultou non ser de Paradela, senón do concello de Sarria.

Seguimos un pouco máis cara ao sur por esa estrada provincial e chegamos á lagoa e ao pazo do Tumbiadoiro, onde, baixo os seus tres escudos, tallado nas dovelas da portada, pódese ler «PARA POBRES ESTEA SEMPRE ABERTA».
Volvemos á estrada paralela ao Camiño de Santiago e chegamos á igrexa de Belante, coas súas dúas sensacionais portadas románicas; de alí a Biville, onde nos abriu un veciño e puidemos subir cos nenos por unha curiosa escaleira pétrea de caracol ata a espadana. Logo, xa no concello de Paradela, á de Vilaragunte, onde o pedáneo nos mostrou a fantástica cruz parroquial de prata.

Despois, ao norte, ata Mirallos, ou Ferreiros, ou como se diga… onde, cabo da igrexa, coa súa enorme portada de tres arquivoltas —tan idéntica a San Pedro de Portomarín!!!— e coas súas cabezas de leóns en ambas as mochetas, puidemos tomar unha cunca de caldo que nos serviu Natalia, do mesón O Manuel.
Baixamos ao río Loio e, por unha estrada cobregueante, subimos á capital de Paradela e vimos o excepcional cruceiro do seu románico templo. De alí á igrexa de Suar, veciña dunha casa brasonada. Desviámonos no Castro ata San Facundo de Ribas de Miño, outro Monumento Nacional, onde gótico, románico e ata frescos de estilo flamengo andan a partes iguais. Hai aquí unha fermosa ruta de sendeirismo, mais iso quedará para outro día.

Deixamos á esquerda Portomarín, pois xa o coñeciamos, e tras dous quilómetros, xa no concello do Páramo, desviámonos ao norte cara ao Miño, onde vimos os restos do antigo templo de Santiago de Ribas de Miño, que ía ser asolagado polo encoro, inda que finalmente a auga quedou a rentes. Alí andaba o párroco a colocar unhas pedras e falounos do interesante Santiago sedente, que agora está na igrexa nova, ademais de indicarnos que tiñamos que desviarnos cara á montaña para ver a tríade de xoias do románico paramés, con ambas as portadas románicas cada unha. Á miña María díxenlle que, se faciamos esa tríade GRALLÁS-VILEIRIZ-FRIOLFE, como dicía o sacerdote, logo había que lle tomar outras tres tapas no campo da feira do Páramo.
–Feito —díxome ela.
Mentres «a miña choferesa» andaba á procura de románico, eu non deixaba escapar ningunha cantina para probar o viño novo de Paradela e O Páramo, que aínda que non estean na DO Ribeira Sacra, son suaves viños da casa desta ribeira do pai Miño. Nestas aldeas, as cantinas ás veces só se perciben por un monte de caixas de bebidas que hai á porta, pois a miúdo non teñen cartel fóra, e grazas a estas atopamos a cantina de Cendoi. Co viño, a ama da casa cortounos uns cacho anacos de empanada de touciño —grande coma a roda dun carro—, desas que, cando paras de comer, choras bágoas de graxa por non poder seguir fincándolle o dente, que diría o meu bisavó.
Subimos no coche cara ao monte e aparécesenos a enigmática Grallás, logo Vileiriz e, ao final, Friolfe, marabillosa co seu adro, dende o que se albisca a cidade de Lugo, e coa súa interesante porta ao poñente, con relevos da cruz de Santiago, as estrelas dos Fonseca e a vieira xacobea.
Preto do campo da feira do Páramo apenas uns callos cun viño de mestura ou coupage de mencía e garnacha local, antes de dirixirnos xa cara ao municipio de Láncara.
A ábsida de Neira de Cabaleiros, aínda que semicuberta de hedra, é realmente harmoniosa. Estes templos rurais non son as «catedrais» que hai pola Ribeira Sacra ou por Castela, mais os meus rapaces, que na súa vida miraran estas vellas pedras, están marabillados descubrindo todo tipo de feros animais, monstros e outros seres mitolóxicos tallados no durísimo granito dos capiteis, mochetas e canzorros destas igrexas.
—Papááá!!! É iso un león alado? Que pinta esa serea nese escudo? Cal dis que é un grifón? Que é un grifón? Por que están coméndose eses leóns o un ao outro nese capitel? Va que ese canzorro é un touro e non unha vaca?
Pasamos pola igrexa de Bande, onde nos comentaron que non ten capiteis na porta porque están no claustro do Museo Provincial de Lugo, pero que si os ten no altísimo arco triunfal.
Parada obrigada na cantina de Vilaleo con tapa de polbo cocido en cociña de leña.
Baixamos ao río Neira e comezamos a subir a San Xoán de Muro. Esta comarca é ondulada, non coma a nosa Terra Chá, e aquí realmente case non chegou o eucalipto. Todos estes vales da comarca de Sarria están tapizados de carballeiras, «soutos» de castiñeiros, umeiros, amieiros e outras cen castes de árbores, que dicía Unamuno cando describía estas terras nas súas correrías por Galicia. E entre os máis enormes está o val de Láncara.
Comemos, e ben, na Taberna Airexe. Chourizos frescos con cachelos para nós, que os rapaces preferiron fritos coas súas patacas. Vimos o pequeno reloxo de sol do que debeu de ser a reitoral e despois a preciosa igrexa co seu estraño home co barazo ao pescozo no tímpano e os seus finos capiteis de animais do arco maior.

De alí ao templo de Oleiros, onde tamén hai casas brasonadas. E xa de volta no municipio de Sarria, chegamos á igrexa de Lousadela, que di a miña muller que é do mellor destas terras pola gran cantidade de finos canzorros e pola súa portada, pero sobre todo polos pouco estudados capiteis dos dous arcos do seu presbiterio: músicos, sacerdotes, leóns… Entrementres, os nenos din que os canzorros de Santo Estevo de Lousadela son unhas porcalladas desas do Kamasutra. María explícalles que podería ser un onanista, pero que tamén podería ser un iogui.
Xa pegada a Sarria, a modesta capela románica de Requeixo, con casa brasonada encostada. De alí a Corvelle, coas súas pétreas cabezas de touros, que se conservan moito mellor que as de Muro.
E para rematar a xornada, tras 97 quilómetros, 20 igrexas románicas e apenas unha ducia de cantinas, a nosa última parada é a escangallada, pero auténtica, ábsida axadrezada de Vilar de Sarria, que tanto por dentro como por fóra paga a pena! Non vai valer!

Mañá iremos ver o outro románico, o que non é de granito, senón de lousa, nas terras de Samos, e de mármore no Incio.
Esta ruta é como o símbolo do infinito, segundo me indica o plano que nos facilitaron no Hotel Alfonso IX. Algo menos de 200 quilómetros, pero se paras en todas as cantinas da comarca de Sarria —e que eu toleo polo viño novo— é mellor colleres dous días, xa que a Ruta Xacobea permitiu que nesta comarca, ao pé de cada templo, case sempre haxa unha vella cantina que agocha os segredos desta gastronomía da Galicia profunda.

E xa descansando na terraza do Hotel Alfonso IX, cun augardente de Portomarín, mentres a miña estupenda «choferesa» me comenta todo o que vimos nestes vellos perpiaños de granito, fágolle eu o meu comentario da outra ruta gastronómica e de todo o que falei con estes, os meus paisanos:
Aloxamento, ceas e almorzos buffet para 2 persoas e 2 noites de fin de semana.

Que fai que unha experiencia sexa sostible?

Dende 220 €
2 Persoas Min.
Condicións de reserva

Alojamiento, cenas y desayunos buffet para 2 personas para 2 noches de fin de semana.

Reserva:

https://reservas.alfonsoix.com/