COÑECE E PERCORRE O CAMIÑO PORTUGUÉS POLA COSTA CON ACTIVIDADES NÁUTICAS
Coñece e percorre o Camiño Portugués pola costa, tamén chamado Camiño Monacal, que conta dende hai varios anos con recoñecemento oficial como variante do Camiño de Santiago. Esta vía era transitada na antigüidade polos peregrinos que chegaban ás costas lusas en barco dende o outro lado do Atlántico. Conta a lenda que a orixe da tradición da cuncha de vieira que hoxe en día é un dos símbolos máis representativos do Camiño vén dun episodio que se deu precisamente nesta ruta.
A ruta guiada transcorrerá dende Baiona ata Nigrán e incluirá a actividade de surf na praia de Patos e o xantar.
Poderás visitar, entre outros lugares, o conxunto histórico de Baiona ou o arco visigótico de San Xoán de Panxón, declarados bens de interese cultural, e espazos naturais protexidos como a foz do río Miñor, na Ramallosa (Baiona-Nigrán) ou o ecosistema dunar de Praia América-Panxón.