ENOGASTRONOMÍA, PATRIMONIO E PAISAXE ENTRE O SIL E O ATLÁNTICO
Paquete de 7 días – 6 noites nunha camper ou autocaravana que inclúe:
Nesta viaxe propoñémosvos unha ruta pola Galicia máis auténtica e que vos empapedes da súa singular enogastronomía, do seu patrimonio cultural, da súa etnografía e da súa tradición. Percorreremos o interior e a costa galega en camper e en barco e coñeceremos e degustaremos viños de tres denominacións de orixe. Unha viaxe chea de sabores e paisaxes moi dispares.
Comezaredes descubrindo un dos segredos mellor gardados da Galicia interior: a Ribeira Sacra, un territorio privilexiado onde percorreredes os espectaculares balcóns sobre o río Sil.
A primeira parada da vosa viaxe será un paseo en barco da man de Sacra Activa. Desta maneira coñeceredes, dende o río Sil, a historia e as paisaxes da Ribeira Sacra, poderedes admirar a singularidade da chamada «viticultura heroica» e descubrir a historia do seu rico patrimonio cultural, xa que aquí se atopa a maior concentración do románico rural de Europa. O voso paseo en barco rematará cunha visita á adega tradicional Ecosacra de Sacra Activa, situada á beira do río Miño, e coa degustación de viños da zona.
Continuaredes cara ao Ribeiro, a vosa seguinte paraxe, onde visitaredes unha das adegas da Denominación de Orixe O Ribeiro e degustaredes os seus viños.
Deixaredes atrás o interior para seguir a ruta pola costa do sur de Galicia. Na subzona do Rosal, da Denominación de Orixe Rías Baixas, teredes a oportunidade de visitar unha adega, ver de primeira man o cultivo de cepas de uva albariño e o seu proceso de elaboración, e, por suposto, catar este prezado caldo.
A vosa viaxe culminará navegando pola ría de Vigo da man de Bluscus Turismo Mariñeiro. Agora poderedes admirar a inmensidade da ría, as súas artes de pesca e o cultivo do mexillón en batea e, dende logo, degustar este rico molusco acompañado dun bo albariño.
Inclúe:
• 6 noites en camper ou autocaravana.
• Paseo en barco canón do Sil con visita á adega Ecosacra – Sacra Activa – Galicia Destino Sostible.
• Visita guiada con cata de viño do Ribeiro – Bodega do Ribeiro.
• Visita guiada con cata de viño Rías Baixas – Adega de Rías Baixas.
• Paseo en barco ría de Vigo – Bluscus Turismo Mariñeiro – Galicia Destino Sostible.
Prezo por persoa baseado en circuíto para 4 persoas nunha camper en temporada baixa e suxeito a dispoñibilidade.
Para reservas ou ampliar detalles do noso circuíto «Enogastronomía, patrimonio e paisaxe entre o río Sil e o Atlántico» podedes contactar a través do noso correo electrónico, reservas@compostelacampers.com, ou por teléfono, no 881 09 12 09.