Escapada con encanto na costa galega: Camiño dos Faros
Coñecer a esencia da costa galega de forma sostible é o obxectivo deste produto turístico. Unha experiencia única para internarse no máis significativo de Galicia: a Costa da Morte. Malia coñecerse con ese nome, está chea de vida. Nesta ruta de sendeirismo poderás construír lembranzas mentres camiñas, protexer un ecosistema marítimo-terrestre único e rodearte de persoas marabillosas, que son a verdadeira luz do mar de cada vila mariñeira.
DÍA 01 ALOXAMENTO NA CORUÑA OU EN SANTIAGO DE COMPOSTELA EN HOTEL HERRADURA
Darás os teus primeiros pasos na Coruña ou en Santiago de Compostela. Estas dúas cidades con encanto abriranse ante ti para que as coñezas. A cidade do mar, A Coruña, será perfecta para ti se queres sentir como a súa brisa salgada che acariña a cara. Camiñarás polo seu paseo marítimo, o máis longo de toda Europa, e acabarás na porta cara ao Atlántico, onde admirarás o fermoso solpor. Ademais, poderás ver as estrelas dende o seu Planetario, abrazar a vida no seu museo Domus, ou descubrir o océano no seu Aquarium Finisterrae. Mais tamén te sorprenderá o seu patrimonio histórico, coas súas rúas estreitas, as fermosas prazas e os parques dedicados a unha figura importante da cidade, como a praza de María Pita, a heroína galega que loitou contra a invasión inglesa, ou a coñecida Torre de Hércules, un símbolo internacional e o faro máis antigo do mundo aínda en funcionamento.
Con todo, se elixes comezar en Santiago de Compostela, será unha experiencia inesquecible. Pasearás polos seus verdes parques, sempre coas mellores vistas á cidade e á catedral. Poderás contaxiarte da ilusión e enerxía que teñen os peregrinos cando chegan á catedral e visitar a súa preciosa cuberta. Percorrerás a súa zona vella, despois de facer unha preciosa foto de recordo en plena praza do Obradoiro. Existen numerosos recunchos con encanto, como o mercado de Creativas Galegas, un colectivo artesanal e artístico que che falará das súas obras e che ensinará pezas únicas feitas á man e o seu segredo mellor gardado.
DÍA 02 ETAPA LAXE – AROU → 18 KM / 4-5 H. ALOXAMENTO PLAYA DE LAXE/A TORRE DE LAXE/VIDA MAR DE LAXE
Trasladarémoste dende A Coruña, ou dende Santiago de Compostela, ata as terras da Laxe, na impresionante Costa da Morte, que pertence á Rede Natura 2000. Coa súa historia e o legado das súas xentes gozarás mellor da vida e das pequenas cousas, como tocar o mar coas xemas dos dedos e pisar praias de area fina. Sairás desta vila mariñeira ascendendo, brevemente, para logo descender ata o conxunto natural de Traba, de inmensas dunas e lagoas de augas cristalinas. Poderás lembrar este momento, sen estragar a paisaxe, camiñando a través do seu paseo marítimo. Seguirás a etapa a pé por un carreiro que te levará ata Camelle. Neste pequeno porto poderás coñecer a historia de Manfred Gnädinger, máis coñecido como Man, un alemán que chegou a Camelle nos anos sesenta e decidiu asentarse na costa. Pouco e pouco foi creando a súa obra a pé de costa, ata que faleceu no 2002. Hoxe en día pódese visitar o seu orixinal museo ao aire libre: o Museo do Alemán. Uns quilómetros máis adiante chegarás á pintoresca vila de Arou para sentir o seu mar, a súa praia e o seu pasado viquingo.
Trasladarémoste ata Laxe, onde pasarás a noite. Poderás visitar o faro de Laxe, que se ergue timidamente fronte ao ancho mar. Ao seu carón poderás coñecer a bonita historia da Espera, unha escultura que agarda o regreso dos seus seres queridos. De Laxe ha sorprenderte a súa lonxa e o seu porto, centro económico da vila pesqueira, a igrexa medieval de Santa María da Atalaia e a Cruz do Navegante, onde a fermosa vila te agasalla cunha espléndida vista panorámica que hai que vivir.
DÍA 03 ETAPA AROU – CAMARIÑAS → 22 KM / 5-6 H. ALOXAMENTO EN PUERTO ARNELA/PLAYA DE CAMARIÑAS
Acompañarémoste dende Laxe ata Arou para que te dirixas ao teu destino. Dende Arou, e co mar á túa beira, chegarás ao porto de Santa Mariña, un dos máis importantes da Costa da Morte. Coñecerás a famosa duna do Monte Branco. Chorarás co cemiterio dos Ingleses, construído en memoria do naufraxio do buque escola Serpent. Un legado histórico que permanece gravado na alma das xentes, que aínda hoxe se laian pola perda da tripulación do célebre buque. Trátase dun dos lugares de interese da Ruta dos Cemiterios Singulares, recoñecida como Itinerario Cultural Europeo, igual que o Camiño de Santiago. Dende este punto logo verás, ao lonxe, a impoñente silueta do cabo Vilán e o seu enorme faro branco, erguido entre os seus cantís, fronte ao ancho mar. Foi o primeiro faro con luz eléctrica de España e dende 1933 abastece de luz os habitantes da zona. Tras pasar o cabo, enseguida has chegar a Camariñas. O nome desta aldea provén dunha especie endémica deste lugar pertencente á Rede Natura 2000: a camariña.
Nesta fermosa vila mariñeira poderás descubrir un dos patrimonios culturais materiais e inmateriais máis importantes de Galicia, transmitido de xeración en xeración: o encaixe de Camariñas (encaixe de palillos), unha arte centenaria e o segredo mellor gardado desta vila. Recomendámosche que, despois de coñecer este oficio téxtil, realices unha visita guiada ao porto da man dunha das mariscadoras desta localidade para observar a vida no mar na Costa da Morte e recoñecer o traballo que hai detrás das fortes mulleres da zona, a verdadeira luz do mar.
DÍA 04 ETAPA CAMARIÑAS – MUXÍA → 29 KM / 6-7 H. ALOXAMENTO EN A DE LOLO/ A DE LOLO FOUR ROOMS / BELA MUXÍA
Decidirás se fas andando a etapa completa de 29 quilómetros ou se a reduces a 19 quilómetros, deixando que te trasladen para aforrar os primeiros 10 quilómetros. Ao longo da etapa a pé terás unhas marabillosas vistas da ría de Camariñas e das súas praias: a praia de Leis e a praia de Lago. Poderás tirar unhas fotografías magníficas que farán que queiras volver e lembrar as atardecidas entre as súas augas claras. Pouco e pouco irás internándote na ría ata alcanzar a famosa aldea de Muxía, unha vila mariñeira preciosa, marcada polo seu culto ás pedras, ao mar e a súa vinculación coa Virxe e o apóstolo Santiago.
Xa no centro da vila, poderás camiñar ata o seu famoso santuario, situado ao pé do mar: o santuario da Virxe da Barca. É unha ermida do século XII que foi gañando peso no Camiño de Santiago. Disque a Virxe chegou nunha barca de pedra a este lugar e falou co apóstolo Santiago. En setembro celébrase a súa famosa romaría, onde se reúnen milleiros de fieis por amor á súa divindade. Á beira do santuario atópase a escultura «A Ferida», de Alberto Bañuelos, que recoñece o traballo dos voluntarios e dos aldeáns que limparon as praias de Galicia tras o naufraxio do buque Prestige, que tinguiu de negro toda a costa no 2002, causando un grande impacto ambiental nas augas galegas. Sen dúbida, un monumento que indica claramente que a historia non se debe repetir. Cerca do conxunto do santuario atópase o miradoiro do monte do Corpiño, que ofrece unhas fermosas vistas desta vila mariñeira. Para que desfrutes aínda máis da túa viaxe, propoñémosche unha visita a un dos hórreos máis longos de Galicia, cos seus 22 pares de pés —o hórreo de San Martiño de Ozón— e ao centro de palilleiras, onde se fai o encaixe de palillos de forma artesanal. Para completar o encanto desta vila mariñeira, non poderás marchar sen antes coñecer os secadoiros tradicionais de congro.
DÍA 05 ETAPA MUXÍA – LIRES → 28 KM / 6-7 H. ALOXAMENTO EN AS EIRAS
Abandonarás Muxía pola súa extensa praia e, devagariño, comezarás a ascender mentres gozas de espectaculares vistas. Se tes sorte, poderás ver o azul do mar fundirse co ceo e as manchas verdes dos cantís bañados polo marelo do sol. Camiñarás ata o cabo de Touriñán, onde desaparece o último raio de sol que baña a Europa Continental nos últimos días de verán. Sentirás a area branca baixo os pés e a auga cristalina da praia de Nemiña. Mentres a percorres cos teus cinco sentidos, chegarás á pequena vila de Lires.
Se non desexas camiñar ata o cabo de Touriñán, podes acurtar a etapa 5 quilómetros. Terás a oportunidade de visitar a igrexa parroquial de Lires e o pazo de Cotón. Poderás contemplar un fermoso solpor na extensa praia de Nemiña.
DÍA 06 ETAPA LIRES – CABO FISTERRA → 22 KM / 4-5 H. ALOXAMENTO EN BELA FISTERRA / O SEMÁFORO
Deixarás a ría de Lires detrás de ti e chegarás á praia do Rostro. Logo avanzarás por unha paisaxe rural que te ha levar ata o porto de Fisterra. Dende o porto ascenderás ata o cabo Fisterra, onde te agardan un incrible solpor e unhas vistas de vertixe. Fisterra é un topónimo que quedou na nosa lingua como unha herdanza romana, pois foi nese mesmo lugar onde os romanos coñeceron a Fin do Mundo. Alí, onda o seu faro, construído en 1853 pola necesidade de auxiliar os barcos que se achegaban ás costas galegas, sentirás que puideches con todo e que os teus pés dan fe de que coñeciches lugares máxicos e xente cun gran corazón. A mesma emoción que compartirás co peregrino que chega ao final do Camiño.
En Fisterra poderás visitar a lonxa, onde o visitante pode presenciar a poxa do peixe que acaba de desembarcar no porto; o castelo de San Carlos, construído no século XVIII para a defensa naval e que agora é sede do Museo do Mar; a igrexa de Nosa Señora das Areas, onde se atopa o Santo da Barba Dourada, un cristo ao que, segundo a lenda urbana, lle crecen o pelo e a barba; a capela do Bo Suceso; o monumento ao Inmigrante e o cemiterio da Fin da Terra. Descubrirás unha manchea de praias, mais cómpre destacar a praia de Langosteira, cos seus 3 quilómetros de lonxitude de area branca e augas calmas. Fisterra será un bo lugar onde degustar mariscos e peixes que acaban de ser capturados en augas do océano Atlántico.
DÍA 07 TRAS O ALMORZO, SAÍDA E FIN DOS NOSOS SERVIZOS
550 € por persoa en cuarto dobre | 865 € por persoa en cuarto individual | 440 € por persoa en cuarto triplo | O prezo inclúe: 6 noites de aloxamento en hoteis con encanto | 6 almorzos | Traslado de equipaxe durante as etapas (1 vulto – máx. 20 kg por persoa) | Traslados especificados en programa | Documentación completa e Caderno de viaxe | Asistencia telefónica para emerxencias 24 horas | Seguro de viaxe (básico) | IVE | O prezo non inclúe: visitas guiadas. Consultar prezo | Calquera outro servizo non recollido no apartado «O prezo inclúe».