**Noite de Estrelas** Observación astronómica en burbulla panorámica
Experiencia en BURBULLA ASTRONÓMICA na Coruña ou en Sanxenxo (estancias de 1 noite de observación para 2 adultos).
Experiencia ofertada durante todo o ano (agás datas moi concretas por descanso do persoal; consulta o calendario dispoñible na web).
A experiencia consiste nunha estancia para dúas persoas nunha das nosas burbullas panorámicas especialmente deseñadas para a observación do firmamento. Compartimos a nosa paixón pola astronomía e achegámosvos aos segredos que esconden os nosos ceos, grazas aos equipos de observación dos que dispoñen as nosas burbullas. Aprenderás a manexar os nosos telescopios semiprofesionais, a interpretar os ceos grazas aos nosos planisferios celestes e a identificar as constelacións máis características do hemisferio norte. Convidámoste a unha noite de descubertas na que poderás tentar capturar, dende a túa burbulla, algún dos planetas que nos acompañarán durante a velada. Viches algunha vez en directo os aneis de Saturno? Cantas lúas es capaz de observar arredor de Xúpiter? Fixácheste nas sombras que forman os cráteres lunares? En Albarari poderás darlles resposta a estas e a moitas outras preguntas que nos facemos sobre o firmamento. E de haber algunha nube no horizonte, sempre temos a nosa canle en liña en streaming conectada aos nosos telescopios remotos ou a simuladores de observación astronómica para nos ofrecer igualmente unha vista do firmamento.
A experiencia en Albarari é unha aposta clara e decidida polo turismo sostible, totalmente respectuoso co medio ambiente, en estruturas efémeras pouco invasoras, e comprometido coa estratexia de minorar e mitigar o impacto da pegada de carbono. Por iso estamos situados en contornas naturais, de gran frondosidade, cheas de vexetación e natureza en estado puro. Medimos e empregamos con especial coidado os recursos naturais —tanto os hídricos como os enerxéticos— para evitar un uso ineficiente ou un mal aproveitamento; daquela, utilizamos fontes de iluminación sostible e sempre procuramos minorar os efectos da contaminación luminosa, tan importante para que a observación do firmamento resulte o máis impresionante posible. Todo iso nos permitiu obter o prestixioso selo de Campamento Starlight outorgado pola Fundación Starlight para os dous observatorios da Coruña e de Sanxenxo.
As burbullas astronómicas están totalmente equipadas para pasar a noite. Dispoñen de climatización, baño completo con bañeira exenta, auga quente, electricidade, mobiliario para o descanso, equipos para a observación astronómica, xardín privado e pérgola.
Tamén contamos con aparcadoiro privado, servizos de almorzo e cea con provedores locais, wifi, zonas comúns e todo tipo de comodidades. O telescopio robotizado está situado no resort da Coruña, nunha cúpula de observación cuberta, pero, grazas á conexión remota, podémoslles retransmitir as observacións en streaming aos visitantes de calquera dos dous resorts.
Sempre adaptamos os horarios ás franxas de maior escuridade, polo que temos dous horarios distintos ao longo do ano:
Do 1 de maio ao 30 de setembro: entrada a partir das 19.00 e saída ata as 14.00.
Do 1 de outubro ao 30 de abril: entrada a partir das 16.00 e saída ata as 12.00.
A oferta consiste nunha estancia dunha soa noite nunha das burbullas astronómicas deluxe en Albarari Oleiros, en días de temporada baixa.