Sumar a riqueza natural do Eume á cultura mariñeira de Redes
O punto de partida é o Centro de Interpretación do Medio Mariño en Cabanas (A Coruña), un espazo de encontro da cidadanía e dos visitantes arredor da cultura marítima e a riqueza natural do territorio relacionada co medio mariño.
Durante unha media hora, daremos a coñecer os elementos patrimoniais relacionados co mar na zona costeira e co río, tomando conciencia das repercusións do cambio climático, a redución do impacto no territorio, o uso eficiente dos recursos biolóxicos mariños e, en xeral, o desenvolvemento sostible dos ríos e mares.
Deseguido, embarcaremos no porto de Cabanas nun catamarán 100 % eléctrico e 100 % accesible para explorar o río Eume, chegando ata o Centro de Interpretación das Fragas do Eume, o esteiro e o seu banco marisqueiro e, pasada a ponte de pedra de Pontedeume, iremos costeando ata o mítico porto de Redes.
Esta actividade multisensorial a bordo combínase cunha experiencia inmersiva, accesible para todos e sen nin sequera mollarse. Utilizando unhas lentes de realidade virtual, como mostra das posibilidades de aplicar a tecnoloxía ao servizo da observación da natureza, experimentaremos nun tour virtual de 360 graos o que significa mergullarse nese medio, tan excepcional como descoñecido. Descubriremos outros mundos con características que alternan entre o natural, cos seus habitantes e os seus baixíos rochosos, os seus fondos de area e de algas, e o artificial, con importantes espazos litorais construídos. Teremos así a oportunidade de observar, coñecer e entender a biodiversidade terrestre e mariña; biodiversidade que é esencial preservar para o noso benestar e a saúde do noso planeta.
Volveremos desembarcar no porto de Cabanas, totalmente accesible.
A experiencia, incluída a presentación no Centro de Interpretación do Medio Mariño, dura entre 2 horas e media e 3 horas, e abrangue un souvenir sostible relacionado co medio para que ninguén se esqueza da experiencia.
Experiencias inclusivas, 100 % accesibles e 100 % sostibles, nas que todas as persoas poden participar. En caso de que as condicións meteorolóxicas non sexan óptimas, buscarase outro día sen ningún suplemento. Non se precisa ningunha experiencia previa de navegación; todo o contrario, é unha actividade apta para todos e todas; o único que cómpre levar é unha chaqueta por se refrescase durante a navegación. A experiencia está deseñada para un máximo de 6 persoas ou un mínimo de 4, sen mesturar grupos; é dicir, todas as persoas que participan na experiencia se coñecen.
O máis eficiente é chamarnos antes de reservar aos teléfonos 637590660 ou 630402307 co fin de buscar o día máis idóneo dadas as condicións meteorolóxicas e determinar os horarios, xa que dependemos das mareas. Tamén se nos pode consultar e reservar por correo electrónico en a-02velas@a-02velas.eu. En todo caso, podes consultar a nosa web, onde atoparás máis información: http://www.a-02velas.eu.
En caso de grupos superiores a 6 persoas, consúltanos para combinar as experiencias sen que ninguén quede en terra e sen vivir unha experiencia memorable.
Se tes mascota, contamos con ela.