Tour en kaiak Fervenza de Ézaro
Queres vivir unha grande experiencia aos pés do Sacro Olimpo dos Celtas e contemplar a fermosa fervenza de Ézaro en primeira liña? Pois estás no sitio indicado.
Mergúllate nesta grande experiencia, que vivirás da man de técnicos en piragüismo que te acompañarán en todo momento.
Antes de comezar realizaremos un breve curso atendendo ao manexo das embarcacións, á seguridade e á información do traxecto que imos realizar.
As embarcacións que levades son de alta gama, polo que a seguridade e a estabilidade están garantidas. Os equipamentos complementarios están homologados e son apropiados para o desenvolvemento da actividade. E traballamos con grupos limitados para desfrutar do medio ambiente con calidade e sostibilidade.
Para que esta actividade resulte o máis gratificante posible cómpre saber nadar, ser amante da natureza e ter boa enerxía.
Comezaremos na praia do río do Barco, pertencente ao Pindo (Carnota), que é o punto de inicio e fin da actividade. Convén que aparquedes aquí os vehículos.
Comezaremos a navegar aos pés do maxestoso Olimpo dos Celtas. Descubriremos as auténticas lendas e mitos que agocha este espectacular monte, a súa flora e fauna, e, mentres vai subindo a marea, internarémonos na fermosa fervenza de Ézaro, formada pola caída do río Xallas ao océano Atlántico en forma de fervenza. Segundo din os expertos, é o único río en Europa que desemboca desta forma. Espectacular, non si?
Na fervenza de Ézaro realizaremos unha paradiña, atracaremos os kaiak e visitaremos os arredores. En ocasións, nos meses de verán, mesmo nos bañamos; todo un privilexio natural e exclusivo. Logo de percorrida a contorna, volvemos embarcar e seguimos coa exploración en kaiak. Antes de contratardes esta actividade, informámosvos de que ten unha duración dun par de horas, por se queredes facer outros plans.
É unha experiencia que combina cultura, diversión e adrenalina e que has lembrar máis adiante coas fotos que vos tirarán os técnicos no decurso da ruta.
É ideal para familias, amigos, eventos empresariais etc.
Lembrade: se vindes á fermosa Costa da Morte, esta actividade non debe faltar na vosa axenda turística.
Calquera cousiña, non dubidedes en contactar connosco; estaremos encantados de atendervos.
Benvid@s a Galicia!