Visita unha adega en barco
Esta experiencia conxuga o paseo en barco e a visita á adega Ecosacra, que está na beira do río Miño, na pintoresca vila de Pincelo, en Chantada.
A duración total do paseo en barco e da visita á adega é de 2 horas e 30 minutos.
Partiremos do embarcadoiro da icónica vila de Belesar, seguramente unha das máis bonitas de toda a Ribeira Sacra. Por ela pasa un dos camiños de Santiago, o Camiño de Inverno. Navegaremos nun barco con motor híbrido ata os viñedos de Finca Míllara, en Pantón, e, xa de volta, logo de bordear o meandro O Cabo do Mundo, faremos unha parada no embarcadoiro da adega Ecosacra e visitaremos esta adega tradicional que conta con máis de 300 anos de antigüidade —é coma un pequeno museo do viño— que se restaurou con moito agarimo.
Degustaremos 2 viños —dos que polo menos un é froito da viticultura sostible que practica Sacra Activa— acompañados de produtos locais, ecolóxicos e de primeira calidade. Tras contemplar as espectaculares vistas que ofrece o enclave de Ecosacra e saborear os seus caldos, seguiremos rumbo a Belesar para volver ao punto de partida.
Saídas: dende o embarcadoiro de Belesar, da Deputación de Lugo.
Saídas suxeitas a un mínimo de 4 persoas.