Saltar al contenido

Bela Fisterra Destino Sostenible

BELA FISTERRA

Hotel en Fisterra, a carón do fin do mundo»
O Hotel Bela Fisterra está situado na praia da Langosteira de Fisterra, no Camiño de Santiago. Ofrécelle aloxamento de 3 estrelas no fin do mundo.
O noso hotel tamén conta con aparcamento privado, conexión Wi-Fi gratuíta e un bar con terraza, onde gozar das vistas.

Sustentabilidade
No noso hotel aplícase unha política de compromiso co medio ambiente baseada no
que a xeotérmica se utiliza para quentar a auga, a auga dos ríos para o rego e se alimenta con enerxía de baixo consumo para o aforro enerxético.
Os nosos xardíns foron deseñados con vexetación autóctona.
O noso obxectivo: crear un hotel baseado no total respecto ás políticas de compensación de emisións de CO₂.

Eventos
«Un hotel dedicado á literatura universal do mar»
O noso establecemento está 100% comprometido coa cultura e a arte, e ao longo da nosa existencia realizamos multitude de actos de apoio á cultura (presentacións de libros, concertos musicais, teatro)
Neste enlace podes ver algúns exemplos

https://www.belafisterra.com/bela-fisterra-evento-2/

Amigo das mascotas

Todos os cans son benvidos en Bela Fisterra: non hai límite de peso. E, ademais, todos os hóspedes caninos agardan unha cunca de comida e auga e tamén unha cama estupenda. Este singular e fermoso establecemento -o primeiro hotel literario de Galicia- atópase tamén nun escenario espectacular, a carón dunha praia (onde, fóra de tempada, podes pasear co teu can). Como non podía ser menos, na zona tamén hai rutas de sendeirismo dunha beleza inigualable.

UN MAR DE PALABRAS NA FIN DO MUNDO

Concibido orixinariamente coma un albergue para peregrinos, o hotel Bela Fisterra quixo dedicar cada unha das súas habitacións a un autor e unha obra da denominada “literatura do mar”, de modo que estean representados nelas non só unha grande diversidade de autores, xéneros e estilos literarios, senón tamén a totalidade dos mares do mundo e da inmensa aventura do home sobre eles.
Os espazos comúns do establecemento fan tamén referencia a este particular universo, ben a través de coñecidas citas literarias ou mediante distintos paratextos, rendendo así un merecido tributo a personalidades ilustres que contribuíron ao desenvolvemento económico, científico e cultural desta comarca.
Por conseguinte, tomando como propias as sabias palabras do poeta A. Chejov: “Fala da túa aldea e serás universal”, quixemos unir ás máis belas palabras da tradición literaria occidental aquelas outras (as nosas) que, aínda sendo máis humildes, están no máis profundo dos nosos corazóns.
Trátase, sobre todo, de evocar a obra de persoas que habitan –ou habitaron- estas terras da fin do mundo (desde Alejandro Finisterre (1919-2007), poeta e editor, coñecido universalmente por ser o inventor do famoso futbolín, pasando por Eduardo Pondal, figura cimeira, con Rosalía de Castro, do “Rexurdimento” das Letras Galegas e que simboliza o camiño a seguir polas novas fornadas de poetas da comarca agrupados no Batallón Literario da Costa da Morte, ata intelectuais como Ramón Marcote (1880- 1955), autor dunha exitosa Historia de Galicia para nenos ou o doutor Francisco Esmorís Recamán (1893-1967), precursor dos estudos etnográficos relativos á cultura local.

Tampouco podiamos esquecernos da emprendedora e empresaria do sector do mar, Celia Rivas (1912-1974), a primeira muller de España en obter o permiso para conducir un camión e que chegou a xestionar varias conserveiras e fábricas de salga que deron traballo a máis de 200 persoas da bisbarra).
Serían necesarias moitas páxinas e metros cadrados de hotel para darlle cabida, acaso minimamente, ao importante legado de figuras tan relevantes como as que acabamos de mencionar, de modo que non nos quedou máis remedio que entrar no seu espírito para quedarnos co mellor de cada un deles e poder plasmalo así finalmente na filosofía de BELA FISTERRA.

Do primeiro deles, Alejandro Finisterre, un dos editores máis influentes do século XX en América Latina, quixemos celebrar o seu firme compromiso coa literatura de alén mar traendo até os confíns do mundo a algúns dos meirandes expoñentes da literatura universal (Homero, Camões, Stevenson, Melbille, Verne, etc.). El, que fixo da súa vida unha constante aventura, que editou grandes escritores como Francisco Ayala, Julio Cortázar, Max Aub, Ernesto Cardenal ou León Felipe, de quen foi albacea testamentario, e que ademais presumiu toda a súa vida de ter nacido nesta terra ata o punto de cambiar os seus verdadeiros apelidos (Campos Ramírez) polo nome do seu pobo natal, “Finisterre”.
Pola súa parte, de Eduardo Pondal, nado en Ponteceso e autor do poema “Os pinos”, musicado por Pascual Veiga, que acabou converténdose no himno de Galicia, emerxe a sémola que actualmente alumea o fértil momento que vive a poesía lírica nesta comarca, con voces tan destacadas como as de Miro Villar, María Lado, Estevo Creus, Rafa Vilar, María Canosa, Rafael Lema, David Creus, Francisco Souto, Concha Blanco o Alexandre Nerium, entre outros.
Esta eclosión de voces tan sumamente significativa ten o seu máximo apoxeo nas dúas últimas décadas, coincidindo co cambio de milenio, sendo imposible falar hoxe en día de literatura galega contemporánea sen antes facer mención especial á incipiente creación poética dos autores e autoras da Costa da Morte.
Pero cando nos referimos ao espírito que emana das orixes da creación e posta en marcha de BELA FISTERRA, facémolo non soamente para homenaxear á palabra escrita -que tamén- senón para inspirarnos noutros aspectos que, certamente, a transcenden, coma o exemplo persoal ou a experiencia vital.
É o caso, sen ir máis lonxe, de Celia Rivas, muller emprendedora con maiúsculas, nada neste confín atlántico, que foi quen de converterse, con denodado esforzo e dedicación, nunha das persoas máis influentes do sector pesqueiro da Galicia de mediados do século XX.
O seu inxente labor profesional, como no podía ser doutra maneira, non pasou desapercibido para nós tal e como o demostra o feito de que os prestixiosos arquitectos Xoán Creus e Covadonga Carrasco, directores técnicos do proxecto, quixeron inspirarse nas antigas conserveiras e fábricas de salgadura da zona para, dese modo, crear unha atmosfera tipicamente mariñeira que nos traslada de inmediato a aquela época.
Convirá o atento lector que non cabe maior homenaxe a Celia e a todas esas admirables traballadoras do sector naval galego que imitar, desde o respecto e a admiración máis escrupulosos, a arquitectura típica daquelas industrias mariñeiras tan importantes no seu contexto histórico e social plasmándoo na construción do noso hotel literario!
Somos conscientes do frenético ritmo que nos marca a sociedade e da necesidade imperiosa de adaptarnos, con suma prontitude, ás transformacións que se van producindo a un ritmo vertixinoso, pero iso non nos debe impedir botar a vista atrás e aprender do exemplo que tantas mulleres e homes, case sempre anónimos, nos legaron ao longo do tempo. Ese é, sen dúbida, o noso maior tesouro, o único que verdadeiramente paga a pena.
En definitiva, e aínda que a simple vista puidera parecer que a súa finalidade é meramente didáctica no en tanto as paredes das estancias evocan a obra de grandes autores do panorama literario, non podemos descartar que se acabe convertendo, por si mesmo, nun espazo de inspiración e creación para os seus visitantes. Ao fin e ao cabo, como escribiu Nathalie de Saint Phalle no seu libro Hoteles literarios:
“Un hotel es una caja de Pandora, esa caja de donde escaparon todos los males y todos los bienes y en el fondo de la cual quedó la esperanza. ¿Qué no se hará en un hotel? ¿Qué escritor no ha escrito en uno, o no ha situado en él la acción de algún libro? Es un lugar novelesco donde la imaginación cruza por decorados en su mayoría reales.”
Oxalá que así sexa.

.- CONCEPTOS BÁSICOS DO PROXECTO DE EDIFICACIÓN DO HOTEL LITERARIO BELA FISTERRA

Como xa mencionamos anteriormente, unha das premisas fundamentais no que atinxe á edificación do noso hotel está estreitamente relacionada coas formas tradicionais de construír, próximas e vinculadas ao mar nesta zona, lembrando a súa implantación á das naves de pescadores, cetáreas e fábricas de salgadura.
Todo isto, analizado no seu conxunto, evoca esa imaxe tan característica dos pobos mariñeiros. Desde o exterior a edificación percíbese coma un muro. As cubertas coa auga cara o interior do xardín central (semellante ao patio das pías de pedra das salazóns) favorrecen esta visión, o muro calado polos ocos das fiestras dos dormitorios, todos do mesmo tamaño, como nas construcións tradicionais.
As fachadas son de táboa de madeira pintada, como as vellas cubertas dos barcos. Nelas ábrense os ocos verticais das portas das habitacións. Uns corredores exteriores permítennos acceder.
Este contraste da pedra e a madeira como a dualidade que se manifesta tamén entre o muro pétreo e as carpintarías das galerías das vivendas das vilas mariñeiras aportan ese aire de frescura que tan ben soporta o paso do tempo.
Polo que respecta ao xardín do patio, trátase dun xardín agreste de plantas de duna, como as que xa hai agora alí e que van variando segundo as estacións: herba de namorar, allos e narcisos silvestres…plantas autóctonas que colonizan o chan areoso e van mudando a súa cor dependendo da estación do ano na que nos atopemos.
No andar superior non se constrúe nada, son terrazas abertas que permiten a visión do mar desde unha perspectiva máis alta e privilexiada.
Por último, no referente ás instalacións, utilízase a xeotermia coma fonte de enerxía limpa que permite uns índices de confort e de aforro imposibles con outras tecnoloxías, os sistemas de ventilación con recuperadores de calor, e mecanismos que nos permiten un uso eficiente da iluminación, a recuperación da auga da chuvia recollida nas canles do xardín e conducida a un depósito que o regará de novo cando sexa preciso, todo dirixido a un mínimo consumo enerxético e a un uso óptimo dos recursos naturais.

Bela Fisterra Destino Sostenible
Desde 101,00 €
2 personas

Condiciones:

Bajo disponibilidad

Anuncios Relacionados

Acceder

Registro

Restablecer la contraseña

Por favorr, introduce tu nombre de usuario o dirección de correo electrónico y recibirás por correo electrónico un enlace para crear una nueva contraseña.

This site is registered on wpml.org as a development site.